Sobre este proxecto

Músicas Galegas Ilustradas é un proxecto ideado e levado a cabo por Laura Romero, ilustradora, debuxante urbana e a baixista da veterana banda de rock galega Zënzar.

Nace da mestura das facetas da súa autora e se crea co principal obxectivo de dar visibilidade ás mulleres músicas de Galicia (galegas ou referentes a Galicia) mediante ilustracións. Laura Romero formouse en Belas Artes, mais facía moito tempo que se interesara nos estudios de xénero e na arte feminista. Ao formar parte de Zënzar comezou tamén a dedicarlle moito máis tempo á música e tivo a oportunidade de participar en moitos máis festivais que de costume.

Foi ó decatarse da escasa participación de mulleres neses festivais cando se preguntou por primeira vez o porqué desa ausencia feminina. Realmente somos tan poucas ou simplemente o parece? Á pregunta a seguiu unha listaxe de nomes de músicas (cantantes e instumentistas) que coñecía, a listaxe foi medrando e decidiu acompañar cada nome cunha ilustración para chamar a atención sobre o traballo das retratadas.

Dando un paso máis dentro deste proxecto, ó longo do ano 2019 traballouse nun libro ilustrado titulado Ferreñas e Rock’n’Roll, que recolle a historia de 31 músicas e bandas femininas pioneiras e senlleiras do século XX. Galardoado co Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, da Deputación da Coruña, foi a primeira vez onde a autora de MGI puido traballar con máis xente: Iria Pedreira redactando os textos e Baía como editorial.

Actualmente o proxecto está formado por máis de 200 ilustracións (con máis de 250 mulleres retratadas) e gráficos onde se analiza a proporción de músicas e de músicos que participan nos festivais galegos.

Expúxose en varios puntos de Galicia e comezou a súa andaina por centros educativos ca actividade O galego, a miña lingua propia da Deputación da Coruña (cunha charla-reflexión titulada As mulleres na música galega) no ano 2018. Foi o proxecto gañador do Premio Martín Códax da Música como mellor medio de comunicación no ano 2020.

Actualmente, Músicas Galegas Ilustradas segue a estar presente nos centros educativos, ca actividade As nosas músicas falan galego!, que combina a narración e a lingua co debuxo en directo, e ca actividade conxunta (xunto aos compañeiros de Zënzar) Música e Lingua.

  • Máis sobre o traballo de Laura Romero:

www.eleromero.com

blog

  • Músicas Galegas Ilustradas nas redes sociais:

Páxina de Facebook

Perfil de Instagram

Crea un sitio web o blog en WordPress.com

A %d blogueros les gusta esto: