IES FERNANDO ESQUÍO
Quen son elas
María López, Áurea Rodríguez, Susana Seivane e Cristina Pato.
Detalles
Dimensións
4 pezas de 50 cm de ancho.
Lugar
Neda

María López
María López Carballo comeza os seus estudos de gaita con 6 anos, e acadou unha marca moi especial no ano 2019: proclamouse gañadora do 34º Mac Crimmon, o prestixioso certame de gaita galega celebrado no marco do Festival Interceltique de Lorient. O que significa que é a primeira muller galega en gañar este recoñecemento (e a segunda muller en gañalo, despois da asturiana Andrea Joglar no 2010).
Susana Seivane
A gaiteira Susana Seivane bebeu da tradición cultural e familiar dende o berce, mais o seu célebre apelido, tan estreitamente vinculado á gaita e á fabricación artesanal deste instrumento, apenas pesou á hora de emprender a súa propia carreira e configurar a súa propia personalidade artística. Editou o seu primeiro traballo discográfico en 1999 e ela mesma produciu o segundo, Alma de buxo (2001), dando comezo a unha prolífica traxectoria chea de grandes colaboracións (Kepa Junkera, Uxía Senlle, Guadi Galego…) e propostas ben interesantes arredor da súa propia maternidade (Fa, 2018) ou das emocións provocadas polo confinamento e a pandemia da COVID-19 (Dende o meu balcón, 2020).
Áurea Rodríguez
Áurea Rodríguez foi unha das grandes pioneiras da historia da nosa música entre as décadas de 1920 e 1940 por moitos motivos. O primeiro, por aprender tocar un instrumento tradicionalmente asociado ao masculino, a gaita, e ademais dende moi nova. O segundo, por fundar e liderar o seu propio proxecto á beira dos seus irmáns, o grupo de música tradicional Os maravillas de Cartelle. E, o terceiro, por asumir as tarefas de representación e contratación do conxunto, tendo un peso artístico e económico fundamental dentro da súa propia formación musical.
Cristina Pato
Unha das nosas músicas máis internacionais é a ourensá Cristina Pato, un torrente de talento que xa demostrou as súas excepcionais cualidades para a música con tan só 18 anos, idade á que publicou o seu primeiro disco, Tolemia. Ademais de ter un extraordinario dominio da gaita, destacou como pianista e compositora e obtivo unha completa formación musical en diferentes institucións, tamén no estranxeiro, acadando os máis diversos honores académicos. Colaborou en diversos traballos con artistas coma Rosa Cedrón ou o violonchelista chinés Yo-Yo Ma e, dende 2019, ten asignada unha cátedra de cultura e civilización españolas na Universidade de Nova York.






Aproveitando que María López foi alumna do centro, no IES Fernando Esquío realizouse o mural adicado a catro gaiteiras.