IES PUNTA CANDIEIRA

IES PUNTA CANDIEIRA

Quen son elas

Guadi Galego, Ses, Flow do Toxo e Pauliña.

Detalles

Dimensións

200 cm de ancho


Lugar

Cedeira


Guadi Galego

Remendando devagar nas súas particulares costuras musicais, Guadi Galego acabou por fiar unha gran carreira na que destaca como instrumentista pero, sobre todo, pola forza das súas composicións e pola súa persoal e cálida voz. Coñecida pola súa participación en proxectos de gromo folk e tradicional como Berrogüetto, axiña comezou a percorrer outros vieiros en solitario, experimentando con novos sons en discos como Lúas de outubro e agosto, Inmersión, Costuras ou, máis recentemente, Roibén. O aplauso practicamente unánime da crítica e do público converteuna nunha das nosas artistas máis sobranceiras.

Flow do Toxo

Aquí están as que ghritan! Isto proclamaban as Flow do Toxo na canción coa que debutaron en 2018 na escena galega, un “ghrito” rapeiro e reivindicativo que dura ata o día de hoxe. Laura Prado, Rosa Mella “Temible Olivina”, Silvia Mella “ST” e Silvia Rodríguez “Xía Nonneva” son as catro voces que integran esta formación do Condado cuxa música leva na fronte o discurso feminista e en defensa da vida no rural, de aí que a cantora Concha de Luneda sexa unha das súas grandes referentes. Colaboraron en diversos singles con outras músicas como As Punkiereteiras (da que tamén forman parte Laura e Xía), as Brassica Rapa ou as rapeiras La Basu (natural de Euskadi) e Tesa (procedente de Valencia).

Ses

Tempestades de sal, Non son fada, Milonga de aquí, Espiña sen rosa, Para cando eu morra… É tal o repertorio da cantautora María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, que é imposible dar conta de todos os grandes retrousos que nel se gardan. Cada concerto desta artista coruñesa convértese nunha verdadeira celebración da música e da poesía co seu fiel e entregado público, e cada novo traballo discográfico (e xa van oito) esperta aínda máis interese ca o anterior. Sés é unha das nosas artistas máis queridas, comprometidas, recoñecidas e internacionais, especialmente en América Latina, onde recalou en varias das súas xiras.

Pauliña

Dende o seu Cambados natal, onde comezou actuando nos locais da vila, ata o resto dos escenarios galegos e dando un rodeo polo Reino Unido, Pauliña (nome artístico de Paula Chaves) consolidou un proxecto musical marcado polo blues, o country, o folk e o rock autóctono. As súas letras reflicten o sentir dunha xeración moza preocupada por un futuro incerto pero que non se resigna. Proba desta rebeldía musical é o repertorio dos seus discos De-Xeneración ou o do seu EP Decideu non ser de ninguén (ambos editados en 2018), un discurso afianzado e madurado no seu seguinte traballo A malfalada (2019).