IES FÉLIX MURIEL
Quen son elas
Nastasia Zürcher, Aida Saco, Belem Tajes, Eclíptica Orbita (Os Rosales) e Adhara Caamaño (Adhara & Ritman)
Detalles
Dimensións
275 cm de ancho
Lugar
Rianxo

Aida Saco
A prometedora carreira de Aida Saco como compositora e pianista colleu un gran impulso despois de serlle concedida en 2022 a prestixiosa Bolsa Fullbright do Ministerio de Cultura e Deporte, coa que marchou aos EUA para ampliar os seus estudos de música e musicoloxía. Mais, previamente, a súa traxectoria xa tiña a marca do éxito: formada con algúns dos mellores pianistas do mundo, participou como concertista clásica nunha manchea de concertos e festivais e foi recoñecida con diversos galardóns dentro e fora das nosas fronteiras, coma o IV Premi Ciutat de Mataró ou o 1st European Piano Competition Salentinae Terrae.
Adhara Caamaño Sestayo
A raíz e a mestizaxe están detrás do proxecto musical Adhara & Ritman, do que a música Adhara Caamaño é a súa vocalista principal. Son moitos os estilos que inspiran as súas melodías: dende o swing ata o folk máis ancorado á terra pasando polo reggae, o soul ou o rock. E todo isto atilado cunha voz que reivindica o “ghallegho” da Costa da Morte como vehículo de expresión para as súas letras. A súa proposta xa obtivo varios recoñecementos e tamén deu para algúns traballos discográficos como Libre Son (2017) ou Por Elas (2020).
Nastasia Zürcher
A cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher buscou unha identidade musical definida pola diversidade e a fusión de estilos xa dende os inicios da súa carreira como solista. Formada en diferentes disciplinas do canto e da técnica vocal, Nastasia leva xa editados tres discos nos que transita entre o jazz, o soul e o folk; foi recoñecida con varios Premios Martín Códax da Música e chegou a representar a Galicia no Festival Liet Internacional en 2018, obtendo un segundo posto na clasificación xeral e o premio dos músicos.
Eclíptica Orbita. Maruxa d’os Rosales
Pode resultar inusual que a paixón polo cosmos inspire o nome dunha cativa, mais Eclíptica Orbita recibiu este nome debido á afección do seu pai polos astros e os corpos celestes. As imposicións legais e eclesiásticas do seu tempo fixeron que levase diante tamén un María do que procedería o nome polo que adoita ser máis coñecida: Maruxa dos Rosales. E Maruxa sempre foi na dianteira, imparable coma os fenómenos do espazo, xa que axiña se sumaría a formación na que xa tocaba o seu home, Os Rosales, cantando, tocando o bombo ou a gaita e mesmo creando as letras das cancións coas que percorreron os escenarios de toda Galicia durante máis de catro décadas.
Belem Tajes
Vocalista, compositora, investigadora, especialista en musicoterapia… Belem Tajes é unha desas músicas que reúne case todos os talentos que se poden relacionar coas melodías. Recibiu a súa formación musical en distintos conservatorios e escolas de música, sendo a música tradicional unha das bases do seu estilo, aínda que tamén recolle a influencia do jazz, o soul e o rock. Co proxecto Tosta Cultural Cargo percorreu Irlanda recollendo as pezas tradicionais do seu cancioneiro vinculado ao mar, a súa voz foi protagonista en grupos como Luar na Lubre, Vudú, Sisters in the House, Aliboria ou Moura e, ademais, mantén a súa propia carreira en solitario.


