IES MANUEL MURGUÍA

IES MANUEL MURGUÍA

Quen son elas

Fransy Gonzaléz, Olimpia Puente, Rosa Cedrón e High Paw.

Detalles

Dimensións

200 cm de ancho


Lugar

Arteixo


Fransy González

Fransy González leva anos compaxinando arte, divulgación e docencia arredor da música tradicional galega. Forma parte dende moi nova do grupo de pandeireteiras Xiradela, experiencia que marca o inicio da súa traxectoria como investigadora e recuperadora de gran parte do noso repertorio vocal tradicional, especialmente na comarca de Bergantiños. Compartiu escenario cos máis diversos artistas, destacando a súa colaboración máis recente con Davide Salvado e Cibrán Seixo.

Rosa Cedrón

Para unha boa parte do público galego, a voz de Rosa Cedrón permanece ligada a un dos grupos de folk e música tradicional máis populares da escena galega: Luar na Lubre. Porén, a traxectoria en solitario desta cantante, compositora e violonchelista nacida en Monforte de Lemos é unha das máis sólidas e duradeiras do noso panorama musical. Na súa carreira achamos colaboracións con músicos foráneos coma Mike Oldfield ou outras figuras máis próximas coma Cristina Pato ou Sito Sedes, ademais de varios traballos discográficos nos que dá boa conta do seu talento, coma Entre dous mares, Nada que perder ou Nómade.

Olimpia Puente

Hai artistas que atesouran un coñecemento enciclopédico da nosa tradición musical e que non deixan de transmitir esa herdanza melódica de nais a fillas. Tal é o caso de Olimpia Puente, natural da parroquia de Montemaior (A Laracha), unha muller cuxa vida foi esforzada e pouco doada (ela mesma conta que aprendeu a tocar a pandeireta cun prato) pero na que as cantigas populares sempre ocuparon un lugar destacado, ata o punto de converterse nunha das informantes máis recoñecidas por cantos trataron de recoller e compilar as nosas cancións tradicionais.

High Paw

A polifacética personalidade artística de Paula Herrero, nacida en Vigo en 1993, viste a High Paw, unha singjay cuxo percorrido polos escenarios galegos e internacionais confirma o seu colosal talento. A súa achega bebe de múltiples influencias, sendo algunhas das máis importantes a música de raíz xamaicana ou o soul. O seu primeiro traballo discográfico, Searching for the recipe, ou singles como Exame e My Temples proban as súas calidades compositivas. Xira habitualmente coa súa banda Elephants Yard, aínda que tamén sobresae a súa colaboración con Ofer Selectah, grupo co que conquistou a escena mexicana en 2018.