CPI DE XANCEDA
Quen son elas
Elena Penas e Marina Miraz de Nuada, Lucía da Fonte de Ith e Finita Gay A Martela
Detalles
Dimensións
200 cm de ancho
Lugar
Xanceda (Mesía)

Lucía da Fonte (Ith)
Xa na adolescencia, Lucía da Fonte liberou o seu espírito rockeiro ao fundar a súa primeira banda no instituto no que estudaba. Os seus quince anos foron máis que suficientes para amosar iniciativa e talento, pois foi entón cando tamén comezou coa aprendizaxe da técnica vocal (aplicada aos máis diversos estilos musicais). Despois de pasar por varios grupos, prestou (e segue a prestar) a súa poderosa voz á banda Ith e ao grupo de jazz La Bossa Nostra. E non menos importante é o seu labor como investigadora no campo da educación vocal e do canto, grazas ao cal obtivo un posto como profesora na Universidade de Vigo.
Nuada
No grupo Nuada, fundado en Teixeiro en 2015, destacan dúas músicas con moitas ganas de contaxiar a súa paixón polo rock n’ roll en cada escenario da nosa terra: Elena Penas e Marina Miraz. Tocan o baixo e a batería, respectivamente, e combinan a súa formación musical (coma Marina, que se iniciou na escola de música de Guitiriz) cun espírito autodidacta que as levou a xuntarse cos seus compañeiros Brais e José co nome de Nuada, comezando así unha destacada traxectoria dando concertos por todo o país e editando o seu primeiro disco, Deconstruír e refacer, en 2021.
Finita Gay, A Martela
Pouca xente ten a oportunidade de triunfar dúas veces pero Finita Gay (1928-1989) fíxoo. Finita foi unha muller adiantada ao seu tempo, que abraiou ao público co seu garbo de diva en cada actuación con distintas orquestras. Mais a vida obrigouna a emigrar e a retomar o seu primeiro oficio de costureira, coa compaña dun home que lle prohibiu seguir cantando. Porén, na década de 1980, tempo despois de enviuvar, regresou a Galicia e abriu en Carral un café-concerto, A Martela, de onde vén o alcume polo que tamén é coñecida. O local foi todo un éxito e ela mesma renaceu nel como artista, volvendo mostrarse como a gran diva da canción que nunca deixara de ser.


