IES DE MELIDE

IES DE MELIDE

Quen son elas

Xulia Feixóo, Lúa Aguete, Marta S. Villarabide e Aida López (Cuarta Xusta), MJ Pérez e Ana Kiro.

Detalles

Dimensións

250 cm de ancho


Lugar

Melide


MJ Pérez

MJ Pérez leva case unha década enchendo os escenarios galegos cunha proposta de canción de autor que contempla un amplo abano de estilos e sensibilidades. Con catro traballos discográficos ás súas costas (sendo o último A luz prendida en 2020) e varios singles (entre os que destaca o máis recente Coma Villanelle), esta artista natural de Arzúa continúa percorrendo festivais e tendendo pontes musicais entre Galicia e Portugal, autoxestionando un proxecto tamén recoñecido con distintos galardóns coma o Premio Xuventude Crea en 2017 ou o Premio Martín Códax da Música en 2021.

Xulia Feixóo

A contribución de Xulia Feixóo á música galega pasa por varias frontes. Formada como percusionista no conservatorio, tamén se licenciou en Historia da Arte e obtivo o Título Superior de Etnomusicoloxía, unha conxunción de intereses que a levou polo eido da investigación e a divulgación arredor da nosa música tradicional e o patrimonio inmaterial. As súas pesquisas traducíronse en varias publicacións nas que, ademais de recuperar e poñer en valor os instrumentos e composicións tradicionais, tamén reivindica a achega de mulleres como Maruxa das Cortellas ou Concha do Canizo (ambas tocadoras de pandeiro cadrado) ao noso herdo musical.

Ana Kiro

Poucas lograron o que conseguiu Ana Kiro ao longo da súa vida artística: selo case todo na cultura popular galega. Toda unha pioneira, os seus comezos como cantante nos anos 60 supuxeron un desafío para a autoridade paterna, mais axiña foi contratada por importantes discográficas e a piques estivo de ir a Eurovisión. Cando xa era toda unha icona da nosa música pola súa voz e os seus temas verbeneiros, Ana (que en realidade se chamaba María Dolores Casanova) probou sorte na televisión, primeiro como presentadora en Toda unha vida ou Tardes con Ana e logo como actriz na serie A miña sogra e mais eu, en ambos casos cun enorme éxito que lle deu aínda máis sona entre o público galego.

Cuarta Xusta

O nome do grupo Cuarta Xusta, fundado en Melide en 2016, foi escollido por dúas razóns: por unha banda, querían describir un fenómeno moi concreto da teoría musical e, por outro lado, querían deixar claro que catro eran as súas integrantes. Con todo, non tardarían en sumar unha quinta compoñente, quedando así a formación na actualidade: Aida López (voz), Marta Sánchez (violín, guitarra e voces), Lúa Aguete (batería), Laura Romero (baixo) e Alberto García (guitarra). O rock máis puro e a música como medio reivindicativo dan forma ao seu recoñecible estilo, tamén plasmado no seu primeiro disco Un novo espertar (2018).