IES ANTONIO FRAGUAS
Quen son elas
Paula López (Brassica Rapa, Dakidarría), Antía Muíño, Olalla Liñares, Xulia Neira (Ruxe Ruxe), Faia e Tereixa Novo (Fuxan os Ventos).
Detalles
Dimensións
250cm de ancho.
Lugar
Santiago de Compostela (Fontiñas).

Antía Muíño
Carta aberta é unha das cancións de autor galegas máis escoitadas en plataformas como Spotify, con máis dun millón de reproducións, e pertence á música compostelá Antía Muíño. Todo un logro para unha cantautora influenciada dende moi cativa pola música tradicional pero que tamén bebeu do jazz, do pop ou da música latina para lanzar o seu primeiro álbum, co que axiña xirará por toda Galicia e tamén por Euskadi, Cataluña ou Madrid.
Faia
Faia Díaz adoita entoar xunto a Paula Romero e Inés Gontad, as súas compañeiras en De Vacas, inesperadas versións en galego dos máis celebrados temas pop de onte e de hoxe. Pero máis aló desta customización coral das Spice Girls ou de Céline Dion (entre outras artistas), Faia pon o seu talento ao servizo doutros proxectos, incorporando a súa calidade vocal ao Coro Encaixe dende o ano 2015 ou autoeditando Ao cabo leirín en 2019, un disco no que interpreta pezas tradicionais transmitidas por mulleres.
Olalla Liñares
Durante sete anos, Olalla Liñares contribuíu coas notas do seu clarinete ás melodías do trío Oîma, do que tamén formaban parte Antía Ameixeiras ao violín e Martiño Senande ao acordeón diatónico. Oîma despediuse definitivamente dos escenarios en 2022, mais os seus integrantes conservaron íntegra a súa amizade e, por suposto, a súa dedicación á música. No caso de Olalla, que ademais é regueifeira, actualmente podemos escoitala a miúdo con algúns dos nomes máis populares desta arte oral, coma Lupe Blanco ou Manolo Maseda.
Julia Neira
O baixo espertou a vocación musical de Julia Neira, unha vocación atravesada polos máis diversos estilos: dende o blues ata o punk pasando polo folk ou o ska. E con esta bagaxe iniciou a súa traxectoria como baixista coa banda deLombaos en 2014, na que permaneceu durante dous anos cheos de concertos e coa que chegou a gravar un disco. En 2019, aterra co seu baixo nun dos grandes grupos da nosa música actual, Ruxe-Ruxe, no que segue ata o momento presente e co que xa leva editados dous traballos discográficos.
Tereixa Novo
Fuxan os ventos é un dos grupos de folk e música tradicional máis recoñecidos do último medio século na nosa terra. Baixo este prestixioso nome desenvolveron a súa traxectoria moitos músicos e músicas, entre as que tamén destacou Tereixa Novo. A súa voz permanece nesta mítica formación dende os inicios, cando un crego propuxo que as integrantes dun coro feminino (entre as que se atopaba a propia Tereixa) se xuntasen cunhas cantas voces masculinas, xurdindo logo a idea dun grupo que levaría por bandeira a reivindicación da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa música.
Paula López
O talento polifacético de Paula López levouna ás aulas de secundaria como docente de bioloxía e xeoloxía e a algúns dos máis coñecidos grupos da música galega actual acompañada do seu trombón. Comezou a súa traxectoria como música de base, na Banda de Música de San Miguel de Oia, completando despois a súa formación no conservatorio. Tocou dende a adolescencia e ata o momento presente en proxectos como Liska!, a brassband feminina Brassica Rapa e tamén na banda da cantautora MJ Pérez. Actualmente dá as mellores notas do seu trombón na banda de ska punk e reggae Dakidarría.





