IES RAFAEL DIESTE

IES RAFAEL DIESTE

Quen son elas

Silvia Penide, Leticia Rey, Carolina Rubirosa e Laura Marín.

Detalles

Dimensións

280 cm


Lugar

A Coruña


Silvia Penide

Dúas décadas de cancións intimistas directamente conectadas coas emocións do público resumen a carreira de Silvia Penide, unha cantautora natural de Arteixo que o fixo case todo nesta dilatada traxectoria: colaborou con artistas coma Ugía Pedreira, Víctor Manuel ou Andrés Suárez; tocou en salas e festivais de todo o mundo (chegando a Alemaña, Croacia ou Portugal), editou nove discos, obtivo galardóns coma o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie e mesmo publicou xunto ao ilustrador Emilio Uberuaga un libro contra o bullying para o público infantil, titulado Diferentes Diferencias.

Carolina Rubirosa

Versátil e ecléctica, Carolina Rubirosa é unha das artistas máis destacadas da escena galega actual. O seu estilo camiña entre a vangarda e o retro e o seu talento levouna a colaborar con músicos consolidados coma Andrés Calamaro ou Miguel Ríos e mesmo a ser a primeira artista que cantou en galego no mítico local The Cavern en Liverpool, onde naceron musicalmente The Beatles. Compón, produce e interpreta os seus propios temas, tanto coa banda completa como en formato reducido, e en 2022 editou o seu último traballo discográfico, Soldadeiras.

Leticia Rey

O versátil talento musical de Leticia Rey comezou a abrollar sendo ela unha cativa, xa que iniciou a súa formación aos 11 anos, aprendendo teoría musical, canto e a execución de instrumentos coma o piano ou a guitarra. Foi a gañadora do concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas en 2020 e, a partir dese momento, a súa traxectoria engalou dun xeito definitivo: en 2021 editou o seu primeiro EP, logo fundou a súa propia banda (coa que se estrearía en Vila de Cruces, a súa vila natal) e en 2022 viu a luz o seu primeiro disco de longa duración, titulado Lux.

Laura Marín

Laura é unha moza talentosa cuns intereses diferentes aos que estamos afeitas. Esta coruñesa, que xa no 2019 gañara o certame Quero Cantar da Deputación da Coruña baixo o nome artístico de Isma Kalo, interpreta case a diario pezas de música balcánica nas súas redes. A súa paixón por este tipo de música levouna a estudar serbocroata, e en febreiro deste ano 2023 viaxou ata os escenarios de Sarajevo.

O «muro das cantautoras coruñesas» está nunha zona exterior cuberta no centro. Ata se pode ver desde a rúa!