IES MONTE NEME
Quen son elas
Lupe Blanco, Mara Pérez e Rosalía Fdez. Rial (Chicharrón), María Costa (Elvis Negro), Antía Ameixeiras e Inés Blanco (Apart).
Detalles
Dimensións
250 cm x 250 cm
Lugar
Carballo

Lupe Blanco
Os estereotipos que se adoitan asociar á regueifa voan polos aires cando falamos de Lupe Blanco. Natural de Coristanco, Lupe leva esta arte nas veas, xa que é bisnieta dun dos mellores regueifeiros da comarca de Bergantiños, Blanco de Muíño Seco. Mais ela non só aprendeu esta peculiar forma de improvisación oral case dende o berce, senón que tratou de innovar nun eido tradicionalmente acoutado para a creación masculina. Actualmente, Lupe leva a arte da regueifa ás escolas de toda Galicia, demostrando a súa total vixencia ao público máis novo, e gañou en dúas edicións consecutivas (2022 e 2023) o Premio Galego da Regueifa Espalla Rimas.
Inés Blanco
Na compaña do seu irmán, que sempre estaba argallando e compoñendo cancións, Inés Blanco comezou a cantar e a confiar na posibilidade de sacar adiante os seus propios temas. Estando de Erasmus en Berlín, Inés deu forma ás súas primeiras composicións e, ao seu regreso a Carballo, tratou de materializar a súa ilusión de formar unha banda coa que levar esas cancións ao público, dándose a casualidade de que un grupo de amigos da vila estaba buscando cantante para o seu proxecto. Así, en 2014, naceu Apart, un grupo de rock ao máis puro estilo dos anos 70 cun toque de soul e disco ao que Inés presta a súa voz.
Caamaño-Ameixeiras
En 2018, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras uniron os seus talentos neste dúo instrumental que leva os seus apelidos. E, dende entón, a conxunción das súas habilidades co acordeón cromático e co violín levounas polos escenarios de toda Galicia (e tamén máis aló das nosas fronteiras). A súa proposta musical nace dunha tradición que ambas entenden como algo vivo, un todo que abrangue a nosa música e o noso baile e que non deixa de transformarse sen chegar a desprenderse por completo da súa esencia.
Chicharrón
Mara Pérez e Rosalía Fernández Rial son as actuais integrantes, xunto a Alberto M. Vecino, da banda de indie rock carballesa Chicharrón. Mara incorporouse en 2016, poñendo a súa voz ao disco Postal, aínda que logo tamén experimentaría cos sintetizadores e a percusión nos seguintes traballos do grupo, buscando sempre novos sons e unha expresión artística honesta. Pola súa parte, Rosalía colaborou con Chicharrón nas súas últimas gravacións (Unha fogueira intacta, Erosión e O que queda por non dicir) co acordeón, sendo esta unha das moitas facetas dunha artista que a miúdo conxuga poesía, música e artes plásticas nas súas creacións.
María Costa
Sempre dun xeito autodidacta e co propósito de facer da sinxeleza unha virtude, María Costa comezou a marcar ritmos coa batería ao rematar a carreira. Influenciada pola obra doutras mulleres que tamén se atreveran con este instrumento, coma Maureen Tucker (batería da Velvet Underground) ou Mimi Parker (batería en Low), María axiña achegou os seus golpes a Franc3s, un trío xa disolto cun estilo ecléctico e inclasificable. Despois do efémero proxecto Tabaco, incorporouse á banda Elvis Negro en 2014, á que tamén presta a súa voz nos coros.




A peza foi realizada nun dos espazos que hai xunto ás escaleiras. Foi tamén o centro onde se realizou o pequeno documental sobre o proxecto, grabado e editado por Xosé A. Bocixa.