IES MONTE DAS MOAS

IES MONTE DAS MOAS

Quen son elas

Lucía Aldao, Hydn, Magüi (Ginebras) e Itzi (Leria)

Detalles

Dimensións

220 cm


Lugar

A Coruña


Hydn

Hydn é a personalidade artística de Sandra Guedev, que se define a si mesma coma unha precursora do “galenglish”, un concepto co que busca tender pontes lingüísticas e culturais entre o galego e o inglés. Comezou a súa traxectoria na banda Inland Valley, coa que regresaron ao britpop que tanta sona acadou na década dos 90, mais axiña desenvolveu unha proposta propia marcada pola variedade e os matices do pop electrónico, o R&B ou as músicas urbanas.

Leria

As rúas da Coruña viron nacer hai xa dous anos un novo proxecto musical que iría incorporando paulatinamente novas achegas. Mayra Vila (á voz e á guitarra) e Helena Barreiro (coa súa batería e os coros) puxeron os primeiros grans de area para que a banda Leria fose unha realidade. Despois de encher o rueiro coruñés de música con influencias do indie en español e en galego, sumaron dúas novas compañeiras: Itzi ao baixo e Andrea aos teclados, coas que iniciaron unha sorte de xira polos locais e salas de concertos da cidade, incluída a mítica sala Mardi Gras. A súa gran oportunidade viría da man do Rock in Cambre en 2022, ao ser seleccionadas como unha das catro bandas teloneiras do festival.

Magüi Berto

Magüi Berto, natural da Coruña aínda que afincada en Madrid, presta o seu talento vocal e tamén coa guitarra rítmica ao grupo Ginebras, un cuarteto completamente feminino que está a revolucionar a escena indie coa súa proposta desenfadada, divertida e bailable. Xa levan editados dous LPs, Ya dormiré cuando me muera (2020) e ¿Quién es Billie Max? (2023), ateigaron salas de concertos por todo o estado e sorprenderon a todo o seu público cunha moi persoal versión do tema Con altura, de Rosalía e J Balvin.

Lucía Aldao

Non son moitas as artistas que poidan presumir dunha dedicación profesional exclusiva á música, o humor e a poesía, mais Lucía Aldao é unha das escollidas nestes eidos dende hai máis de dúas décadas. Xunto a María Lado formou o dúo Aldaolado, co que conquistaron os escenarios galegos coa súa exitosa mestura de verso, retranca e ritmo en espectáculos con títulos ben curiosos coma Onde estea un cubata que se quite un soneto ou Moita poesía, pouca diversión. Formou parte do proxecto musical alDDao a finais dos 2000, editou con Aldaolado o disco CASA! (2020), e, xa en solitario, gravou as dúas partes do seu traballo PAVA en 2021 e 2022.

A peza foi realizada nunha das portas de acceso á cafetaría do centro.