IES DO MILLADOIRO

IES DO MILLADOIRO

Quen son elas

Aida Tarrío (Tanxugueiras), o dúo Caamaño-Ameixeiras (Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño), Elba Souto e Guadi Galego.

Detalles

Dimensións

200 cm de ancho (sen textos)


Lugar

Data

Ames

Xoves 9 de febreiro


Elba Souto

A característica voz de Elba Souto iniciou a súa andaina entre as aulas do conservatorio, onde, ademais da esixente técnica do canto lírico, tamén aprendeu a tocar o violín. Co dominio destas artes, foi desenvolvendo a súa propia linguaxe musical e transitando cara outros estilos nos que os sintetizadores e os sons electrónicos adquiren un gran protagonismo. A súa orixinal proposta pop é onírica e intimista, capaz de ofrecernos unha infinidade de matices.

Aida Tarrío (Tanxugueiras)

É case imposible pensar en Aida Tarrío sen pensar no seu inesquecible (e viral) baile sobre o escenario do Benidorm Fest en 2022. Mais detrás daquel intre no que ela e mailo seu grupo, Tanxugueiras, case conseguen levar a canción Terra a Eurovisión, hai toda unha historia de respecto pola tradición musical galega e de esforzo por tratar de profesionalizar unha traxectoria musical. O gran éxito de Tanxugueiras é tamén froito duns comezos nos que Aida, ao igual que as súas compañeiras Olaia e Sabela, sempre contribuíu a preservar a memoria musical das súas predecesoras, ensinando este inmenso legado ás máis cativas e defendendo a aprendizaxe do baile, o canto e os instrumentos tradicionais galegos.

Caamaño-Ameixeiras

En 2018, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras uniron os seus talentos neste dúo instrumental que leva os seus apelidos. E, dende entón, a conxunción das súas habilidades co acordeón cromático e co violín levounas polos escenarios de toda Galicia (e tamén máis aló das nosas fronteiras). A súa proposta musical nace dunha tradición que ambas entenden como algo vivo, un todo que abrangue a nosa música e o noso baile e que non deixa de transformarse sen chegar a desprenderse por completo da súa esencia.

Guadi Galego

Remendando devagar nas súas particulares costuras musicais, Guadi Galego acabou por fiar unha gran carreira na que destaca como instrumentista pero, sobre todo, pola forza das súas composicións e pola súa persoal e cálida voz. Coñecida pola súa participación en proxectos de gromo folk e tradicional como Berrogüetto, axiña comezou a percorrer outros vieiros en solitario, experimentando con novos sons en discos como Lúas de outubro e agosto, Inmersión, Costuras ou, máis recentemente, Roibén. O aplauso practicamente unánime da crítica e do público converteuna nunha das nosas artistas máis sobranceiras.

DCIM\100GOPRO\GOPR4108.JPG