Veñen para quedar
esas bravas gorxas
de fondo cantar…

Uns días antes do Nadal, as Tanxugueiras deron a coñecer a canción coa que ían concursar no Benidorm Fest, certame para o que foron seleccionadas entre centos de propostas musicais que, coma elas, aspiraban a ter un oco no Festival de Eurovisión de Turín 2022. A miña ledicia xa era desbordante mesmo antes de que se soubese que esta formación galega formaba parte das 14 finalistas que ían competir en Benidorm (onde se decide que tema vai representar a Corporación de Radiotelevisión Española no concurso eurovisivo), pois os últimos adiantos das Tanxugueiras, Midas e Figa, conseguiran deixarme completamente abraiada e, ademais, ben coñecido é no meu círculo o meu entusiasmo polo Festival de Eurovisión.
Falar de Eurovisión segue a ser problemático para moita xente ou, polo menos, esa é a sensación que teño eu. Moitos consideran que supón un gasto superfluo para un ente público que todas e todos contribuímos a soster cos nosos impostos. Moitos pensan que o festival en si mesmo é un concepto trasnoitado e anacrónico que non debería ter cabida nos mundos de hoxe. Moitos critican que as votacións do festival sexan un reflexo das tensións ou das cordialidades xeopolíticas. Moitos censuran a deriva “popeira” e a excesiva representación da anglofonía que caracterizan a maioría das propostas que concorren ao certame nos últimos tempos. E moitos, os máis retrógrados e intolerantes ao meu modo de ver, pensan directamente que é unha bufonada pensada exclusivamente para frikis, horteras e maricas (coma se ser calquera destas tres cousas ou todo á vez fose algo malo, vaia nivel).
Para min, Eurovisión é moito máis ca todo iso e semella que as perspectivas mudaron un pouquiño dun tempo a esta parte, malia todos os prexuízos e, si, todos os desacertos dos que somos plenamente conscientes tamén as que seguimos cada ano o festival durante unha semana de maio absolutamente máxica. O Festival de Eurovisión naceu a mediados do século XX como unha competición amable para unha Europa aínda ferida polos traumas da guerra e como un campo de probas para un medio, o televisivo, que xogaba a converterse en masivo e influente. Houbo grandes momentos enriba do escenario deste concurso que axiña tornou en cita musical imprescindible e descubrimos grandes artistas nel (non creo que haxa que lembrar que xente como France Gall, ABBA ou Céline Dion naceu para o gran público aquí).
As actualizacións e reciclaxes non foron doadas, certo, e unha parte importante da audiencia deu as costas a un evento que a finais dos 90 e nos 2000 foi bastante incomprendido por quen botaba de menos unha orquestra, por quen non entendía a falta de diversidade lingüística (este é un deses erros do que moitas fans somos conscientes), por quen se sentía abafada coa opulencia kitsch da escenografía ou por quen flipaba cos épicos troleos que algúns países foron capaces de enviar ao festival e que incluían un cutre reggaeton, extravagantes pasos de baile e guitarras de xoguete. Das moitas resurreccións de Eurovisión, coido que a da última década é unha das mais interesantes para un público que, coma min, goza sen complexo ningún do pop que se cociña nos países que poden formar parte da Unión Europea de Radiodifusión e das estéticas que o acompañan, moitas veces ousadas e, por que non, transgresoras e/ou divertidas. E ninguén pode negar que nestes últimos anos tamén houbo cabida para certa diversidade xenérica e (por fin, si!) lingüística que podía falarlle a toda Europa e erixirse en triunfadora. Aí están a delicada balada de Salvador Sobral ou o espírito rock dos Måneskin para demostralo.
E aquí é onde entran as Tanxugueiras e o valor que a súa achega pode ter para un certame coma este. O trío formado por Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío non comezou a amosar interese por Eurovisión por pura casualidade, posto que hai uns meses xa gañaran unha enquisa para nada vinculante na que o voto popular as designaba como as representantes ideais para o festival. Esta vitoria simbólica outorgada por un público xa tendente ao masivo e marabillado cos seus últimos temas serviu de lexitimación para iniciar un camiño no que, de momento, todo é admiración e éxito:

o lanzamento da canción coa que competirán en Benidorm, Terra, foi un auténtico bombazo practicamente inédito na música galega que en pouco máis dunha semana se situou nos primeiros postos de escoitas en distintas plataformas (sendo superadas nalgúns momentos unicamente pola dona e señora do Nadal melómano, Mariah Carey) e cuxo primeiro vídeo en Youtube acumulou máis dun millón de visualizacións no mesmo lapso de tempo.
A todas luces, unha excelente nova e non só para as chamadas eurofans do nordés peninsular, que, si, estamos ledas de ter unha mínima posibilidade de recoñecernos e ver unha parte do noso na proposta que TVE mande este ano ao festival. Eu particularmente estou moi feliz de que as Tanxugueiras aproveitasen dun xeito tan intelixente a onda que veu despois de Midas e Figa, unha onda que surfearon cunha viraxe cara a fusión entre a tradición e o pop, cun traballo de produción absolutamente impecable e que, francamente, vexo soberbia. E paréceme igualmente acertado que pensasen que ese discurso podía ter cabida nun espectáculo que ven millóns de persoas en todo o continente.
Nos tempos da regresión á “Galicia profunda” ou ás mestas néboas que só un ferrocarril de alta velocidade cara a meseta parece quen de disipar, reconforta ver que segue habendo xente capaz de desmontar prexuízos, complexos e discursos de autoxenreira que deberiamos ter superados dende hai moito tempo. Xa non debería ser ousado nin valente pretender a conquista dun espazo masivo cun tema nunha lingua coma o galego e que porta unha mensaxe de irmandade entre os pobos, orgullo das raíces e celebración da cultura propia. Non debería ser ousado nin valente, non. Debería ser o normal. Debería ser normal entender a riqueza lingüística e cultural peninsular como un valor (tamén exportable) e non como unha desvantaxe. Debería ser normal deixar de movernos entre tópicos e concepcións anquilosadas da cultura do estado español e reivindicar a diversidade, tamén en eventos musicais de gran envergadura internacional coma Eurovisión. Debería ser o normal e as Tanxugueiras xa subiron uns poucos chanzos máis para aspirar a esa normalidade.
Tanxugueiras fixeron historia e xa son iconas do noso pop. Non só van formar parte da listaxe de músicas galegas que intentaron ir a Eurovisión (Ana Kiro, Menchu) ou que lograron participar no certame (Verónica Codesal, Lucía Pérez), senón que van abrir novos camiños ao achegar chegar aínda máis personalidade e control sobre o seu discurso artístico. Pode que non gañen o Benidorm Fest. Pero a semente xa está aí, pois aínda que non gañen xa conseguiron moito meténdose nas orellas de tanta xente en cada recuncho cunha canción pop en galego que reivindica o xeito da nosa tradición musical e derruba todas as barreiras físicas e mentais que (mal)construímos na nosa forma de entender a cultura e, mais concretamente, a música, linguaxe universal onde as haxa. Porque non hai fronteiras.
Texto: Iria Pedreira Sanjurjo
Ilustración: Laura Romero