Áurea Rodríguez

1-aurea.jpg

Áurea Rodríguez: nada menos que a primeira gaiteira documentada.

A historia de Áurea é a dunha muller que rompeu cos estereotipos establecidos na Galicia de primeiros de século (XX), aínda que fora por necesidade. Era a maior de seis irmáns e quedaron orfos moi novos. Ela tocaba a gaita desde os dez anos e decidiu formar un grupo con catro dos seus irmáns pequenos, Os Maravillas de Cartelle. A primeira imaxe que hai da formación data do 1918, imaxe na que, por certo, non aparece Áurea (sendo ela a encargada, a mánager do grupo).

Durante os anos 20 tocaron por toda Galicia, a mediados da década un dos irmáns abandona o grupo e no 29 chegan a tocar en Madrid (anunciada como “la reina de la gaita gallega”). Pouco despois o grupo queda en trío e van tocar a Buenos Aires, “a quinta provincia galega”. Pouco máis se sabe dela a partir dese momento. Sábese que tocou en Venezuela no 45 e crese que non volveu a Galicia.

Deixando a un lado que Os Maravillas xurdiron da necesidade, Áurea foi a pioneira máis pioneira no seu eido. Hai que ter en conta que o termo “gaiteira” tiña connotacións moi negativas para unha muller de finais do XIX e mesmo do século XX. As mulleres tiveron un papel importantísimo na tradición oral galega, mais non tiveron o recoñecemento merecido ata hai relativamente pouco (é un traballo que aínda se está a facer). A valentía que demostrou Áurea no feito de crear un grupo e dirixilo nun mundo tan masculinizado é polo menos indiscutible.